Regulamento

Regulamento xeral
Bases do Circuíto Galego de Carreiras Populares 2010-11

REGULAMENTO XERAL.
O Circuíto Galego de Carreiras Populares 2010-2011 (en adiante, o Circuíto) é unha competición aberta a tódolos corredores populares. Cada participante suma puntos nas carreiras populares que se celebran en Galicia que estean incluídas no Circuíto.
Este ano só puntuarán as carreiras que se celebren en territorio galego ou o atravesen.

  1. COMO FUNCIONA.
    Para sumar puntos, só tes que inscribirte no Circuíto en categoría individual e logo en cada carreira puntuable na que vaias participar.

    A semana seguinte de cada carreira na que participes e unha vez que a organización facilite os resultados oficiais, só tes que ir á sección Enviar posto e indicar o teu nick, o nome da carreira e o teu posto de chegada para saber os puntos que conseguiches. Estes datos serán validados e confirmados pola organización antes de seren dados como definitivos.
  2. DURACIÓN.
    O Circuíto 2010-2011 dura 10 meses, dende o primeiro fin de semana de SETEMBRO de 2010 ata a derradeira fin de semana de XUÑO de 2011.
  3. PARTICIPACIÓN.
    Os únicos requisitos para participar no Circuíto 2010-2011 son ter cumpridos os 18 anos o 1 de setembro de 2010 e unha conta de correo electrónico ou teléfono de contacto.
  4. INSCRICIÓN.
    A inscrición é gratuíta. O prazo de inscrición remata o 15 de outubro de 2010, unha vez finalizado o prazo non se admitirán máis inscricións en ningunha das modalidades.

    Toda a información para inscribirte a tes na sección Inscricións.
  5. CARREIRAS E PUNTUACIÓN.
    Para saber como incluir unha proba no Circuíto vai a Organizadores carreiras
    Se queres saber cal é o sistema de puntuación le Como puntúan as carreiras
  6. TIPOS DE COMPETICIÓN.

    • Individual.
      Podes sumar puntos en cada carreira puntuable. En base á clasificación en tempadas anteriores haberá 3 divisións con clasificacións conxunta, masculina e feminina.

      1ª División
      Estará composta por 150 corredores: os 120 primeiros da primeira división na tempada 2009-10 + os 30 primeiros da segunda divisón. En caso de que algún deles non se inscribise este ano, o posto pasaría ao seguinte da segunda división da tempada anterior (posto 31, 32, 33...).
      Descenso: 30 últimos

      2ª División
      Estará composta polos seguintes 150 corredores da segunda división na tempada anterior 2009-10 que non conseguiran o ascenso a primeira.
      Ascenso: 30 primeiros
      Descenso: 30 últimos

      3ª División (Novidade)
      O resto de corredores de segunda división que non acadaron o ascenso ou quedaran nos 150 postos seguintes + as novas inscricións.
      Ascenso: 30 primeiros
    • Por parellas.
      Podes inscribirte xunto cun amigo para sumar os vosos puntos nunha clasificación por parellas.
    • Por equipos.
      Formados por 5 corredores (un deles será o capitán) que suman os seus puntos para a clasificación por equipos. Non é preciso que os atletas do equipo puntúen na mesma carreira á vez. En caso de empate entre equipos, gañará o que conte co capitán con máis puntos.

      Equipos - 1ª División (Novidade)
      Os 20 primeiros na tempada anterior.
      Para ser considerado o mesmo equipo e poder usar o nome teñen que repetir alomenos 3 dos membros do ano anterior.
      Descenso: 5 últimos

      Equipos - 2ª División (Novidade)
      Resto de equipos do ano anterior + novas inscricións.
      Ascenso: 5 primeiros
    • GLOBAL Ranking (Novidade)
      Clasificación histórica individual do Circuíto Correr en Galicia con tódolos corredores inscritos no Circuíto dende a edición 2009-10 sen importar divisións. A clasificación se fará sumando tódolos puntos obtidos dende o 8 de novembro de 2009.
  7. INCIDENCIAS E RECLAMACIÓNS.
    Tódalas incidencias deberán exporse no fío de INCIDENCIAS do foro oficial do Circuíto 2010-2011

    Se un participante non aparece nunha clasificación por un erro na cronometraxe:
    • Debe porse en contacto coa organización da proba para corrixir o erro.
    • Se isto non resolve o tema, fará unha entrada no fío de Incidencias indicando de que carreira se trata e si ten probas gráficas ou testemuñas da súa participación.
      A testemuña non pode pertencer ó mesmo equipo/parella e DEBE facer unha entrada no fío de Incidencias para corroborar a participación.
    • Unha vez valorado isto, se lle outorgará a puntuación mínima correspondente ó coeficiente da proba salvo que a proba gráfica deixe constancia da chegada á meta e o posto/tempo realizado; caso no que, se valorará a corrección manual da clasificación para conceder os puntos correspondentes.
  8. Todo o non previsto neste REGULAMENTO resolverase segundo o criterio dos administradores e colaboradores do Circuíto.

Circuíto Galego de Carreiras Populares 2010-11
Gran Premio Correr en Galicia

19/11/2017
Hoxe é o cumpreanos de Agpardo, Duartenova e MapleLeafs. Felicidades!!!


Desarrollado para Correr en Galicia | Ao principio da páxina
0.009