Regulamento xeral
Bases do Circuíto Galego de Carreiras Populares 2009-10
REGULAMENTO XERAL.
O Circuíto Galego de Carreiras Populares 2009-2010 (en adiante, o Circuíto 2009-2010) é unha competición aberta a tódolos corredores que o desexen na que poden sumar puntos na maioría de carreiras populares que se celebran en Galicia e/ou probas convidadas.
O Circuíto Galego de Carreiras Populares 2009-2010 (en adiante, o Circuíto 2009-2010) é unha competición aberta a tódolos corredores que o desexen na que poden sumar puntos na maioría de carreiras populares que se celebran en Galicia e/ou probas convidadas.
-
COMO FUNCIONA.
Para sumar puntos, só tes que inscribirte no Circuíto 2009-2010 (ao principio da tempada) e logo en cada carreira puntuable na que vaias participar. A listaxe actualizada de probas pódela atopar na sección Carreiras.
A semana seguinte de cada carreira na que participes e unha vez que a organización facilite os resultados oficiais, só tes que ir á sección Enviar posto e indicar o teu nick, o nome da carreira e o teu posto de chegada. Estes datos serán validados e confirmados polos colaboradores antes de seren dados como definitivos. -
DURACIÓN.
O Circuíto 2009-2010 dura 8 meses, dende o primeiro fin de semana de NOVEMBRO de 2009 ata a derradeira fin de semana de XUÑO de 2010. -
PARTICIPACIÓN.
Os únicos requisitos para participar no Circuíto 2009-2010 son ter cumpridos os 18 anos o 1 de Novembro de 2009 e unha conta de correo electrónico ou teléfono de contacto. -
INSCRICIÓN.
A inscrición é gratuíta. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2009, unha vez finalizado o prazo non se admitirán máis inscricións en ningunha das modalidades.
As persoas que desexen participar deberán aportar o seu nome e un nick podendo elixir si queren aparecer nas clasificacións do Circuíto só co nick ou con nick e nome real.
Tes toda a información na sección Inscricións. -
MODALIDADES.
Individual
Só tes que inscribirte e sumar puntos en cada carreira.
Unha vez que esteas inscrito na categoría individual, tamén podes participar por:
Parellas
Podes inscribirte xunto cun amigo e os puntos dos dous sumarán para unha clasificación por parellas.
Equipos
Formados por 5 atletas (1 capitán e 4 corredores), todos suman os seus puntos para a clasificación por equipos. Non é preciso que os 5 compoñentes puntúen na mesma carreira á vez. En caso de empate entre equipos, gañará o que conte co capitán con máis puntos. -
DIVISIÓNS.
Na clasificación individual haberá dúas divisións:
1ª División
Reservada ós 150 corredores mellor clasificados no Circuíto 2008-2009 que cumprimenten a súa inscrición para o Circuíto 2009-2010 no prazo sinalado. Ó finalizar a competición, os 30 que ocupen as derradeiras posicións, descenderán a Segunda División.
Haberá clasificación conxunta, masculina e feminina.
2ª División
Composta por aqueles corredores que non entraron na 1ª división e tódalas novas inscricións.
Os 30 primeiros postos acadarán o ascenso á Primeira División.
Haberá clasificación conxunta, masculina e feminina.
Outras Divisións
Se o número de participantes na 2ª División crecese moito en número, coas novas inscricións, crearíase unha 3ª División coas mesmas características que as anteriores segundo este regulamento.
Nota: as parellas e equipos poden ser mixtos e estar formados por corredores de calquera das divisións mesturados. -
CLASIFICACIÓNS.
Ademais das clasificacións da 1ª, 2ª e sucesivas divisións, no Circuíto 2009-2010 haberá unha clasificación por parellas e por equipos.
Tamén haberá outra entre localidades, sumando os puntos de tódolos corredores inscritos pola mesma poboación.
A organización poderá incluír outras clasificacións segundo a demanda dos participantes ou por outros motivos. -
PREMIOS.
En función do número de patrocinadores/colaboradores, haberá distintos trofeos que podes consultar na sección Premios. -
CARREIRAS E PUNTUACIÓN.
As probas que desexen ser incluídas no Circuíto poranse en contacto cos colaboradores COMPROMENTÉNDOSE a que a competición de seniors e veteráns masculino e feminino se dispute nunha única carreira da que se facilitará, a máis tardar en 7 días, unha clasificación conxunta; así mesmo, a organización facilitará o dato de "distancia oficial" medido do xeito máis fiable á súa disposición; ademais, as probas consideradas de montaña deberán aportar o desnivel acumulado positivo cumprindo os requisitos da FEDME.
A puntuación acádase en base á distancia da proba e do posto logrado na súa disputa. As distancias das probas pondéranse como a continuación se indica:
Menos de 10 km: 1
Dende 10 km a Media Maratón: 1,5
Media Maratón: 2,5
Maratón: 5
Todo participante que chegue a meta acada unha puntuación mínima que varía segundo a distancia da proba.
As probas "Solidarias" ou non competitivas poderán incluírse no Circuíto concedendo ós participantes que cheguen á meta a puntuación mínima da distancia correspondente.
Ás probas que teñan un desnivel acumulado positivo que cumpra os criterios da FEDME se lles aplicará como coeficiente o resultado de dividir o desnivel acumulado entre os quilómetros do percorrido e entre 10. -
INCIDENCIAS E RECLAMACIONS.
Tódalas incidencias deberán exporse no fío de INCIDENCIAS do foro do Circuíto 2009-2010 dentro dos foros de Correr en Galicia.
Se non apareces nunha clasificación por un erro na cronometraxe ponte en contacto coa organización da proba para corrixir o erro. Se isto non resolve o tema, fai unha entrada no fío de Incidencias (non no fío da carreira nin en ningún outro) indicando de que carreira se trata e si tes probas gráficas ou testemuñas da túa participación. A testemuña non pode pertencer ó mesmo equipo/parella e DEBE facer unha entrada no fío de Incidencias para corroborar a participación. Unha vez valorado isto, se lle outorgará a puntuación mínima correspondente ó coeficiente da proba salvo que a proba gráfica deixe constancia da chegada á meta e o posto/tempo realizado; caso no que, se valorará a corrección manual da clasificación para conceder os puntos correspondentes. - Todo o non previsto neste REGULAMENTO resolverase segundo o criterio dos administradores/colaboradores do Circuíto 2009-2010.

